Divulga-AQUIS

O proxecto Divulga-AQUIS pretende profundar na importancia cultural e científica dun recurso natural de vital importancia, a auga, particularizado ao caso das augas termais, desde un punto de vista interdisciplinar. Nun momento histórico no que a situación de pandemia universal puxo de novo o foco no medio rural e o seu abandono, este proxecto aspira a alimentar o orgullo polo medio natural máis próximo, á súa historia e o valor da súa conservación así como incidir na universalidade da curiosidade humana como motor para profundar nos fenómenos naturais complexos.

Tomando como referencia unha comarca rural e periférica, pero cunha gran riqueza paisaxística e histórica modulada en gran medida pola abundancia de augas termais, convídase a estudantes de secundaria a profundar en catro eixos temáticos nos que a auga termal é protagonista:

  1. Vida en condicións extremas e orixe da vida
  2. Biotecnoloxía para o desenvolvemento dunha industria sostible
  3. Medio ambiente
  4. Influencia das fontes termais na pegada do Imperio Romano

O estudantado traballará na elaboración de material didáctico para cada eixo temático e entrevistarán a científicos de recoñecido prestixio en cada un deles. Os resultados tanxibles do proxecto (fichas didácticas, paneis expositivos, vídeo e páxina web,..) serán presentados a un público máis amplo, desde a comunidade educativa do seu Instituto, a poboación da comarca, as redes sociais, ata un público científico especializado.

O modelo de educación non formal que se expón no proxecto Divulga-AQUIS aspira a contribuír a aumentar o interese pola ciencia e a investigación así como dotar aos estudantes de habilidades científicas, lingüísticas e visuais que, en última instancia, contribúan a erradicar o abandono escolar á vez que esperten vocacións científicas entre o estudantado.

 

Instagram