Reivindicando a vida arredor do mercado tradicional

Etiquetas

 

Este venres preto dunha trintena de persoas realizaron una ruta interpretativa que tivo como centro de interese O Rianzo, as hortas do concello e o conxunto do Mercado e as Burgas. E fixérono co obxectivo de valorizar este enclave e a vida que neles se xera arredor da comida desde un punto de vista antropolóxico pero tamén desde a perspectiva da sostibilidade. “O Rianxo ten que ver cunha forma de vida que se está perdendo, co que significa cultivar a terra e vender os produtos preto, co contacto da xente, co rebulir da praza, coa cidade vivida e saudable”, destaca Beatriz Comendador, decana da Facultade de Historia do campus de Ourense, centro organizador da visita.

excursión enmarcouse dentro do programa da facultade de rutas interpretativas pola contorna do campus de Ourense Coñeces…?. Nesta ocasión, a temática elixida, destaca Beatriz Comendador, estivo motivada pola colaboración do centro co proxecto de recuperación colectiva do patrimonio BIComun, da que a Sala Alterarte do campus acolleu unha exposición o pasado ano. Nesa exposición podía verse como o mercado do Rianxo era diagnosticado polos cidadáns como un elemento patrimonial mal conservado e que debería rehabilitasen, ao igual que debía recuperarse as hortas tradicionais da área periurbana de Ourense que nutrían esa praza de abastos.

Paisaxe, tradición, alimentación e saúde

Tendo en conta esta valoración feita polos cidadáns no marco do proxecto BIComun, a Facultade de Historia decidiu que esta nova edición das rutas tivera como temática O Rianxo e para facela contaron con outro aliado, a docente María Luísa Rúa, da Área de Nutrición e Bromatoloxía da Universidade de Vigo, participante no proxecto Alimentación Sostible en Comunidades Urbanas, un proxecto que implica a dez cidades europeas, entre elas Ourense, que desexan medrar, entregar e gozar de comida máis sostible e que están a buscar solucións conxuntas e eficaces. No marco desta iniciativa, Rúa dirixe un estudo sobre o mercado das Burgas e os produtos alimenticios que nel se venden.

Con esta combinación entre historia, antropoloxía, ciencia, alimentación e saúde, os participantes este venres na ruta puideron empaparse dun percorrido polos lugares, os olores, os sabores e os ruídos do mercado e da súa contorna e ver de primeira man as consecuencias que ten na paisaxe o abandono que se está a producir dun estilo de vida asociado á praza. Tamén puideron probar algúns dos alimentos que comercializan no mercado, xa que a excursión contou coa colaboración do proxecto Come Ourense do Concello, e, como sorpresa, no seu percorrido foron “acompañados” polos Graxos das Burgas, uns irmáns que forman parte da cultura popular dese lugar e que foron representados por actores.

Por todo o que conflúe nesta iniciativa e polo que pode achegar sobre novas prácticas para unha gobernanza máis sostible da alimentación, o pasado 5 de febreiro, en Bruxelas, nunha exposición e obradoiros organizados dentro da URBACT Thematic Network Sustainable Food in Urban Communities, María Luísa Rúa fixo unha presentación sobre O Rianxo na que tamén falou do BIComún, da Facultade de Historia e do Programa Coñeces…?.

Ler a nova completa no DUVI