Unha xornada afonda nos últimos avances en tecnoloxía encimática

Etiquetas

 

Achegarse a algúns dos últimos avances en tecnoloxía encimática e suscitar o debate e o contacto entre especialistas do eido público e privado deste sector. Con este obxectivo a Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu este venres a Xornada encimas: ciencia e tecnoloxía 2019, organizada por investigadoras do Laboratorio de Bioquímica da Universidade de Vigo.

No ano 2009, explica María Luisa Rúa, responsable da actividade xunto a Clara Fuciños, realizouse a primeira Xornada encimas: ciencias e tecnoloxía. Dez anos despois, indicou, “pensamos que era unha moi boa oportunidade para reeditar aquelas xornadas e no mesmo formato”, lembrando como nesta década “houbo moitos avances”, incluída a concesión dun Premio Nobel compartido o ano pasado á investigadora americana e tecnóloga encimática Frances H. Arnold. Ademais, indicou, nestes dez anos a tecnoloxía encimática continuou sendo unha liña de traballo principal do Laboratorio de Bioquímica, que forma parte do Grupo AA1.

Revisar o estado da arte

Neste contexto, a xornada celebrada este venres pretendeu “revisar o estado da arte da investigación en tecnoloxía encimática, tanto desde o punto de vista da investigación básica e alimentaria”. Para profundar nestas cuestións, a actividade contou coa conferencia de tres investigadores “de primeiro nivel neste campo”, xunto con representantes dunha empresa láctea galega que incorpora encimas en procesos produtivos innovadores e de Bioga, unha organización empresarial sen ánimo de lucro que aglutina ás organizacións integradas na cadea de valor do sector biotecnolóxico que teñen a súa sede en Galicia. “Con esta actividade quixemos fomentar un debate entre estes axentes e sobre o estado actual da tecnoloxía encimática tanto a nivel de investigación como de aplicación”, comentou María Luisa Rúa.

A xornada, patrocinada polo Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentario do Campus da Auga (Citaca), arrancou concretamente coa intervención de Francisco Valero, da Universitat Autónoma de Barcelona, que falou de produción heteróloga de lipasas microbianas e da súa aplicación á síntese encimática de biodiésel. Juan Miguel González, do Instituto de Recursos Naturais e Agrobioloxía, do CSIC Sevilla, falou dos termófilos en solos, e Francisco Plou, do Instituto de Catálise e Petroleoquímica, do CSIC Madrid, interveu sobre a transformación encimática de carbohidratos en produtos de valor engadido para as industrias alimentaria e nutracéutica. Pola súa banda, Natalia Estévez, de Queizuar, falou do papel dos encimas nunha industria queixeira, e Loli Pereiro, de Bioga, do potencial da industria biotecnolóxica en Galicia.

Ler a nova completa no DUVI