A ciencia volve á rúa coa feira divulgativa eXXperimenta en Feminino, na que participa un ano máis o Laboratorio de Bioquímica

Etiquetas

Está aberta á asistencia do alumnado non universitario e público en xeral

O venres 10 de febreiro, a Praza do Bispo Cesáreo, situada no centro da cidade de Ourense, acollerá unha nova edición da feira divulgativa eXXperimenta en Feminino, organizada pola Facultade de Ciencias, a Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Universitaria de Enfermaría do campus de Ourense co apoio do Concello de Ourense. En 13 postos abertos ao público, as persoas interesadas poderán achegarse a “descubrir a maxia da ciencia da man das investigadoras do campus de Ourense”.

A cita foi presentada este martes no Centro de Información Municipal á Muller de Ourense (CIMM) polas profesoras da UVigo e coordinadoras da actividade Alma Gómez (Escola Superior de Enxeñaría Informática); Julia Carballo (Facultade de Ciencias), e Nieves Lorenzo (Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo); Telmo Ucha, concelleiro de Política Social, e Malena de Jesús, directora do CIMM. A feira leva por título VI Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas, celébrase con motivo do 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, e por segundo ano sae do campus de Ourense para celebrarse no centro da cidade das Burgas. A actividade, que conta co apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense e as unidades de Igualdade e Cultura Científica da UVigo, terá lugar de 11.00 a 18.00 horas e está destinada a alumnado non universitario e público en xeral, podendo achegarse, sen inscrición previa, colexios e familias interesadas. Será, indican desde a organización, “unha oportunidade única que de seguro lle permitirá ao público asistente aprender máis sobre a ciencia e as científicas”.

Segundo explicou Julia Carballo, non será unicamente unha xornada de información e de captación de mulleres para as carreiras científicas, “nas que máis déficit existe”, senón que se poderá participar de forma activa, como adiantaba Alma Gómez. Neste senso, Nieves Lorenzo indicou que “agardamos que esta xornada sexa un pequeno gran de area”, “pero non só para mulleres, tamén para atraer alumnado a estas carreiras”. Pola súa banda, Telmo Ucha sinalou que “desde o Concello queremos invitar a participar o alumnado de todas as etapas educativas a que acudan co seu profesorado e coas súas familias, porque será unha grande experiencia formativa e lúdica pensada para todas as idades”.

Diversidade de temas e experimentos

Arredor dun cento de persoas, maioritariamente investigadoras do campus de Ourense, implícanse na organización e celebración da feira, que contará con 13 postos nos que outros tantos grupos de investigación desenvolverán de xeito ameno diferentes experimentos ou coñecementos relacionados con distintas áreas do saber. Concretamente, participarán os grupos do campus MundoMicro (Microbioloxía); BioMacro (Enxeñaría Química); Grupo ColorChem (Nutrición e Bromatoloxía); Grupo Ephyslab (Física da Terra); Bioloxía Vexetal;  AeroeXXperimenta (Aeroespacial); Informática, Linguaxes e Sistemas; Enfermaría; SosVal (Solo); Sensociencia; FunSuperestructuras (Bioquímica); S3 e BiotecnIA.

No percorrido por cada un dos postos, as persoas interesadas poderán ver microorganismos da auga, coñecer o valor oculto da biomasa, crear un arco da vella nunha botella, saber como se forman as nubes ou achegarse á loita “insectfriendly” contra a vespa velutina. Igualmente, poderán coñecer como a ciencia está a sacar partido aos residuos, afondar na relación entre ciencia e cociña con diversos experimentos e ver “a beleza e o poder das enzimas”. Cun enfoque moi lúdico, as e os interesados terán a oportunidade de xogar á “química forense” (cunha recreación do afundimento e explosión do buque Casón, a busca de evidencias incriminatorias e a captura de culpables) ou nunha “escape room” titulada Atrapados nunha (Bio)refinaría. Tamén terán ocasión de ver unha maqueta dun túnel de vento no que entender a aerodinámica dos avións e dos foguetes; crear pequenos videoxogos e dirixir avatares e coñecer cuestións como o grupo sanguíneo ou canto aire teñen nos pulmóns.

Ver nova completa no DUVI

Visitar web eXXperimenta en feminino

Ver nova en La voz de Galicia

Ver nova no Concello de Ourense