Persoal investigador, empresas e representantes do sector primario déronse cita este venres na Facultade de Ciencias do campus de Ourense nunha xornada centrada nas macroalgas galegas e a innovación alimentaria como novas fontes de ingredientes funcionais para a industria. Nela analizouse o potencial deste recurso natural e os retos e oportunidades para a súa chegada ao mercado.
A iniciativa estivo organizada desde o grupo de investigación TEZE (Tecnoloxía Enzimática e Bioestruturas) da Universidade de Vigo e dirixida polas investigadoras María Luisa Rúa e Ana Torrado. Contou con financiamento do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia.
Diferentes olladas para un mesmo recurso
Na súa inauguración, María Luisa Rúa, lembrou que o grupo TEZE traballa desde 2020 no ámbito das macroalgas. Sobre este sector indicou que “aínda que en Galicia non temos unha tradición de consumo directo de algas tan potente como noutros países asiáticos, sen dúbida as algas mariñas están moi ligadas á nosa relación co mar e coa terra”. Pondo en valor o seu potencial, a investigadora salientou que a actividade celebrada este venres quixo fomentar a conexión entre a investigación, a empresa o sector primario neste eido, coa idea de “reunir nunha xornada persoas con diferentes olladas sobre o mesmo recurso” e avanzar na busca de “novas respostas desde a ciencia, a tecnoloxía e a innovación”.
Pola súa banda, Alberto Vaquero, director do Campus Auga, puxo en valor o traballo que achega o TEZE ao campus de especialización de Ourense e subliñou a pertinencia da temática escollida para a xornada. Explorar o potencial das macroalgas, dixo, permite “mirar o mar desde unha perspectiva renovada, incorporando coñecemento científico, innovación e tecnoloxía”. As algas mariñas, subliñou o responsable académico, constitúen “un recurso biolóxico de enorme interese”.
Tras a inauguración, Martiña Ferreira, investigadora do Anfaco-Cytma (Vigo) falou sobre as “macroalgas das costas galegas, biodiversidade, sostibilidade e potencial como recurso alimentario”. Pola súa banda, Raquel Liébana, investigadora do Centro Tecnolóxio AZTI (Rede Vasca de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación), ofreceu unha conferencia sobre biotecnoloxía azul, macroalgas e obtención de compostos bioactivos. A xornada tamén incluíu a presentación de varios proxectos desenvolvidos polo grupo TEZE da UVigo, o Grupo Exprela (da Universidade da Coruña) e Anfaco, participando a investigadora da UVigo Andrea Rodríguez e Manuel Becerra (UDC).
A actividade rematou cunha mesa redonda moderada por María Luisa Rúa e Ana Torrado sobre os retos e oportunidades para a industria alimentaria galega. Nela participaron Julio Martínez (CEAMSA), Miguel de la Calle (Chorima Cosmética Atlántica), a Cofradía de Pescadores de A Illa de Arousa, Martiña Ferreira (Anfaco-Cytma), Raquel Liébana (Centro Tecnolóxico AZTI) e Manuel Becerra (UDC).
