Desde o ano 2024, a Universidade de Vigo, a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), Queixos Feijoo e o agricultor Maik Paladino desenvolven o proxecto Caprigo. Nel traballan no estudo e posta en valor de producións leiteiras caprinas locais, concretamente na aldea modelo de Xacebáns, mediante o desenvolvemento de queixos brandos de tempada de alta calidade elaborados exclusivamente con leite de cabra galega e caracterizados pola alimentación estacional dos animais. Este venres, o campus de Ourense acolleu a súa xornada de peche na que os socios da iniciativa fixeron un balance moi positivo do traballo realizado.
Coñecer mellor a materia prima
Durante os tres anos de traballo, o equipo de Caprigo estudou a vexetación consumida polas cabras en Xacebáns (Quintela de Leirado, Ourense), a composición do seu leite e a evolución dos queixos ao longo da elaboración e da maduración. Entre os resultados obtidos destacan que “nas mostras analizadas, o leite de Xacebáns presentou unha maior proporción de ácido alfa-linolénico, un ácido graxo esencial da familia omega-3, que o leite da explotación intensiva empregada como referencia”. Tamén detectaron cambios máis acusados entre inverno e verán nalgúns compoñentes, especialmente na graxa e nos hidratos de carbono. O seguimento dos queixos tipo brie de cabra permitiu identificar diferenzas na súa composición, textura e maduración. “Nas elaboracións de verán estudadas na segunda anualidade, os queixos de Xacebáns presentaron máis proteína e calcio, menor humidade e maior firmeza que os elaborados con leite de León”, sinalaron.
Os resultados do proxecto tamén amosaron que a textura final do queixo “depende da combinación de varios factores, entre eles a composición do leite, a perda de humidade e os cambios nas proteínas durante a maduración”. Na última anualidade de Caprigo caracterizáronse os queixos elaborados obténdose as súas táboas de composición nutricional. “O proxecto achega así información para coñecer mellor a materia prima dispoñible en cada época e orientar a elaboración de queixos de tempada con características diferenciadas”, sinala o equipo insvetigador.
Impulsar a economía circular e a sostibilidade
Caprigo Estudo e posta en valor de producións leiteiras caprinas para unha aldea modelo (Xacebáns) é unha iniciativa financiada a través das axudas para a execución de proxectos de grupos operativos da Consellería do Medio Rural, xestionadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), e cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco dentro do Plan Estratéxico da Política Agraria Común 2023-2027. É un proxecto innovador dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación en materia de produtividade e sostibilidade agrícola. Por parte da Universidade de Vigo participa desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense o Grupo de Investigación en Tecnoloxía Encimática e Bioestruturas (Teze), pertencente ao Instituto de Agroecología e Alimentación (IAA) e ao Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia. Concretamente, participan as e os investigadores Clara Fuciños, Eugenio López Periago, Alba Troncoso, Ana Torrado e Marisa Rúa.
O obxectivo último da iniciativa é o fortalecemento da colaboración entre a investigación universitaria e o sector agroalimentario para impulsar a economía circular e a sostibilidade na produción de lácteos en Galicia. Trátase, indican desde a súa organización, de fixar poboación no medio rural, previr incendios forestais mediante o manexo de gandaría en pastoreo e dinamizar a economía local a través de produtos lácteos diferenciados e de alto valor gastronómico.
Xornada de peche
A xornada de peche celebrada este venres na Facultade de Ciencias quixo ser “un escaparate para amosar as conclusións dunha iniciativa orientada á revalorización do terreo agrario na aldea modelo de Xacebáns, mediante a introdución de gandaría caprina e a elaboración de queixo suave de tempada de alta calidade”. Na súa apertura, Montserrat Cruz, vicerreitora do campus de Ourense, subliñou o interese de Caprigo en canto “responde a necesidades reais do territorio” e “emprega a investigación e a innovación para transformalo”. A responsable académica salientou a importancia de, desde a Universidade, contribuír con iniciativas coma esta a pór en valor a contorna rural e o sector primario. Pola súa banda, Iván Gil, en nome da organización do proxecto, indicou que Caprigo é un exemplo de como contribuír a “dar impulso desde a innovación” aos pequenos produtores galegos e axudar a buscar solucións ás problemáticas e retos que afrontan.
Clara Fuciños, investigadora do Grupo TEZE que lidera a participación da UVigo no proxecto, foi a encargada de expor os principais achados e logros acadados durante a execución do proxecto na aldea modelo de Xacebáns. Pola súa banda, Xosé Ramón Vázquez, representante de Clusaga, ofreceu unha conferencia sobre as oportunidades de innovación para as pequenas producións no medio rural, destacando o valor engadido da transformación local. Por último, a xornada concluíu cunha mesa redonda titulada Gandaría, produción queixeira e territorio na que participaron Marisol López, directora de proxectos I+D+i de Esteo Innova; Julio José Alonso Feijoo (Quesos Feijoo), Luis Javier Rodríguez Barrón (Universidade do País Vasco), David Domínguez (Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Lucenza) e Xosé Ramón Vázquez (Clusaga), que analizaron os retos e oportunidades do sector.
