As macroalgas mariñas son unha fonte natural de compostos con grande interese para sectores como a alimentación, a nutrición, a cosmética ou a biotecnoloxía. Entre elas, as algas verdes do xénero Codium, abundantes na costa galega, conteñen polisacáridos complexos que poden presentar propiedades beneficiosas para a saúde e aplicacións tecnolóxicas de interese. Tendo en conta este potencial e que gran parte destes compostos seguen sendo pouco coñecidos, o que dificulta o seu aproveitamento e aplicación, un equipo da Universidade de Vigo está a realizar unha caracterización estrutural e fraccionamento secuencial de polisacáridos de Codium spp. da costa galega como base para o desenvolvemento de ingredientes funcionais.
O proxecto está a desenvolverse no Grupo de Investigación en Tecnoloxía Encimática e Bioestruturas (Teze), pertencente ao Instituto de Agroecología e Alimentación (IAA) e ao Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia. Liderado pola investigadora deste grupo Andrea Rodríguez, foi unha das iniciativas beneficiarias da convocatoria da Vicerreitoría do campus de Ourense de axudas a proxectos de persoal investigador na etapa de formación posdoutoral do campus de Ourense-Campus Auga (Inou+ Posdou Campus Auga 2026). Esta convocatoria está financiada no marco do convenio de colaboración existente entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de accións estratéxicas no Campus Auga (2024-2027).
Composición variable segundo as estacións
Segundo explica a responsable do proxecto, que remata este mes de outubro, o estudo pormenorizado e a caracterización exhaustiva dos polisacáridos presentes en Codium spp. “constitúe un paso fundamental e previo para a súa valorización na obtención de novos ingredientes funcionais”. Neste marco de traballo, no marco da iniciativa colleitáronse mostras de Codium na costa galega para posteriormente realizar en laboratorios do campus de Ourense a caracterización da súa fracción polisacarídica, identificando e caracterizando os distintos tipos de polisacáridos presentes, determinando a súa concentración e estudando a súa evolución ao longo do ano.
Os resultados obtidos ata o momento amosan, explica o equipo investigador, “que as mostras recollidas na primavera, verán e outono presentan perfís de composición diferentes, o que apunta a unha variación estacional dos polisacáridos presentes na alga”. Observouse, sinalan, “unha importante variabilidade entre estacións, suxerindo que factores biolóxicos e ambientais poderían influír na composición da biomasa e, por tanto, nas características dos polisacáridos que poden obterse dela”. Mediante a súa separación en base ás súas propiedades químicas, o grupo de Tecnoloxía Encimática e Bioestructuras identificaron en Codium unha ampla diversidade de compostos, con fraccións ricas en distintos tipos de azucres, entre os que destacan a galactosa, a manosa e a glicosa.
Continuidade do proxecto
Estes resultados, subliña o equipo responsable, “constitúen un primeiro paso necesario para comprender a variabilidade das poboacións de Codium presentes na costa galega”. Porén, indican que para establecer se as diferenzas observadas débense realmente a cambios estacionais ou están relacionadas coa presenza de distintas especies presentes en cada recolección, iniciouse unha colaboración coa Universidad de Oviedo, onde se levará a cabo a identificación taxonómica das mostras caracterizadas. O seguinte paso será profundar na caracterización estrutural fina das distintas fraccións de polisacáridos, en particular elucidar o tipo de ligazóns que determinan a súa estrutura molecular mediante técnicas complexas. Esta liña de investigación continuará durante unha estancia posdoutoral da investigadora Andrea Rodríguez no KTH Royal Institute of Technology (Suecia). No seu conxunto, as investigacións realizadas, comenta o equipo responsable, “permitirán sentar as bases para a futura valorización de recursos mariños galegos e o desenvolvemento de novos ingredientes funcionais de orixe mariña”.
