Na Facultade de Ciencias do campus de Ourense impártense as titulacións de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Ciencias Ambientais e Enxeñaría Agraria. Co obxectivo de achegar ao seu alumnado un coñecemento de primeira man do sector do mexillón, onde Galicia é o primeiro produtor europeo e terceiro mundial, este martes o centro acolleu unha conferencia de Ángeles Longa, responsable de I+D do Consello Regulador Mexillón de Galicia.
A conferencia estivo organizada polo Departamento de Química Analítica e Alimentaria, concretamente polas profesoras Clara Fuciños e Marisa Rúa. O seu obxectivo foi, por unha banda dar a coñecer ao alumnado a importancia económica e social do sector do mexillón e por outra profundar, no marco da seguridade alimentaria, na trazabilidade deste produto. Ao longo da súa intervención, Ángeles Longa ofreceu unha panorámica “do sector do mexillón en Galicia para marcar a importancia do seu cultivo, do produto e das empresas e persoas que traballan nel”.
O sector
O mexillón, explicou a convidada, “é o primeiro e único alimento de España con Denominación de Orixe Protexida, con este selo de garantía de calidade e orixe”. Segundo sinalou a bióloga, “a acuicultura galega é a máis importante de España e o mexillón supón arredor do 82% da produción española de acuicultura. Somos os primeiros produtores de Europa e terceiros do mundo en mexillón”. Este sector, engadiu, “constitúe unha actividade moi importante a nivel de produción de alimentos”, pondo cifras como unha produción aproximada de 250.000 toneladas anuais e unha facturación en primeira venda de 140 millóns de euros. Ademais, a relatora puxo de relevo o feito de que “hai moitas familias que viven directamente desta actividade, arredor de 4000”, cifra á que dixo, “hai que sumarlle todas as empresas e empregos que hai no antes e no despois”, como por exemplo na súa transformación e elaboración ou no seu transporte. Neste senso, recalcou o feito de que este volume de negocio e emprego “repártese entre unha base social moi ampla, esa riqueza non queda nunhas poucas empresas, repártase entre moitas familias”, facendo fincapé na vinculación deste sector co territorio e en como permite a xeración e mantemento de emprego nos pobos costeiros.
A seguridade alimentaria
Ángeles Longa centrouse tamén no eido da seguridade alimentaria deste produto, falando ao alumnado asistente da súa trazabilidade, do seu seguimento, “do camiño que fai ata chegar ao mercado”. Esta trazabilidade no caso do mexillón, indicou, empeza xa na batea. “No noso caso, realizamos controis de todas as partidas que desembarcan de mexillón dos nosos asociados, que é algo máis de dous terceiros das bateas que hai en Galicia, que son case 3.400”, apuntou. Así explicou que “emitimos toda a documentación de orixe, documentos de transporte e demais e facemos seguimento tanto nas empresas como no mercado do produto”. Neste senso, fixo fincapé “na importancia que ten para nós a trazabilidade, a importancia que ten non só para o consumidor e as administracións senón tamén para os sectores produtivos do territorio, pois supón un mecanismo de defensa e garantía para os seus produtos”.